O Concello do Pereiro de Aguiar acolle o vindeiro 1 de xullo, ás 21.00 horas, no Auditorio dos Gozos, a proxección do documental Ao son da nova regueifa, dentro da programación do Ciclo Mestre Mateo.
A peza audiovisual, cunha duración de 60 minutos e apta para todos os públicos, foi finalista na categoría de documental dos Premios Mestre Mateo. A través dela, o público poderá achegarse á realidade da nova regueifa e ao proceso de recuperación, transformación e actualización desta expresión da improvisación oral en Galicia.
O documental propón unha viaxe polo país, de norte a sur, para coñecer regueifeiras e regueifeiros que continúan abrindo camiños a esta tradición, combinando raíces populares, creatividade, música e novas formas de expresión contemporánea.
Esta proxección forma parte dunha programación máis ampla que traerá ao Auditorio dos Gozos diferentes propostas do audiovisual galego durante o mes de xullo.
Dende o Concello do Pereiro de Aguiar convidamos á veciñanza a participar nesta primeira sesión e a desfrutar dunha nova cita coa cultura galega e co cinema feito en Galicia.
Consulta tamén a programación completa das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro.
Source link