Skip to main content

O Concello de Allariz presentou hoxe os detalles da XXVII Andaina e o V Trail de Allariz, que se celebrará o vindeiro 14 de xuño. No acto, a alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, estiveron acompañados polos coordinadores deportivos Javier López e Roberto Naranjo para presentar unha cita que agarda atraer a centos de participantes cara ás paisaxes do municipio.

Xestión deportiva e respecto ambiental
A alcaldesa, Cristina Cid, puxo en valor o impacto da proba no municipio: «Este evento demostra que Allariz é un referente en xestión deportiva e respecto ao medio natural». A Alcaldesa sinalou que a edición deste ano ten un significado especial ao estar dedicada, a través do seu cartel, a Paco García, figura clave para Allariz, e á Agrupación de Protección Civil, en recoñecemento ao seu labor altruísta. «É un orgullo que unha proba técnica e esixente como esta naza do esforzo colectivo de Allariz e da súa xente», afirmou.

Variedade técnica e deporte base
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, subliñou o deseño técnico do evento: «Ofrecemos dende o Trail Longo de 35 km, cun desnivel de +1400 metros e que puntua para a Liga Provincial, ata o Mini-trail de 8 km para quen queira iniciarse». Puga destacou que a estrutura de saídas graduadas (09:00, 10:00 e 11:00 h) permite unha xornada continua que culminará co Trailciño, as probas infantís gratuítas para nenos e nenas dende os 6 anos.

Sostibilidade e Inscricións
O evento mantén o seu firme obxectivo de «residuo cero», polo que non se facilitarán vasos de plástico nos avituallamentos, instando aos participantes a portar o seu propio kit de hidratación.
• Apertura de inscricións: Este luns, 20 de abril, en Sportmaniacs.
• Tarifa reducida (ata o 24 de maio): 18 € para os trails e 12 € para as andainas.
• Máis información sobre as bases: Na plataforma Sportmaniacs ou na web municipal.

Resumo de modalidades
• Trail Longo (35 km): Competición puntuable (+1400 m desnivel).
• Andaina Longa (23 km): Para afeccionados á longa distancia.
• Trail Curto (18 km): Competición puntuable (+840 m desnivel).
• Andaina Curta (14 km): Percorrido pola contorna natural.
• Mini-trail e Mini-andaina (8 km): Modalidades de iniciación e familiar.
• Trailciño: Carreiras para a infancia (gratuítas).

A organización quere agradecer o apoio fundamental de todas as entidades e empresas que colaboran nesta edición, entre as que destacan Apersa (Volkswagen, Audi), así como o soporte institucional de Deporte Galego, a Liga de Trail OurenseTrail e a implicación directa da Agrupación de Protección Civil de Allariz.


Source link

Leave a Reply