Skip to main content

Cestas e ao bosque! O Pereiro de Aguiar acolle o 25 de outubro unha xornada micolóxica con taller, saída ao monte e xantar

A actividade, incluída no programa Experiencias Outono 2026 – A caída da folla do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, terá lugar o domingo 25 de outubro, con punto de encontro en Santa Baia. O prezo é de 15 euros por persoa.

O Pereiro de Aguiar convértese este outono nun dos escenarios do programa A caída da folla, a proposta de experiencias que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra organiza as fins de semana do 17 de outubro ao 8 de novembro, co apoio da Xunta de Galicia.

O domingo 25 de outubro chega ao noso concello Cestas e ao bosque!, unha xornada pensada para descubrir o mundo dos cogomelos da man de persoas expertas. Macrolepiotas, lactarius, boletus… As persoas participantes sairán ao monte para coñecer as distintas especies, aprender a distinguilas e recoller as máis saborosas. E, como non podía ser doutro xeito, a xornada rematará cun menú degustación. Bo proveito!

A actividade comezará cun taller de micoloxía de arredor de catro horas, no que se darán as claves para identificar as especies máis habituais dos nosos montes e recoller de forma responsable. Despois, o grupo sairá ao campo durante unhas tres horas para poñer en práctica o aprendido.

Ademais, cada participante recibirá unha navalla e unha miniguía de peto de cogomelos, e ao final da xornada haberá un sorteo de agasallos.

Información:

  • Data: domingo, 25 de outubro de 2026
  • Horario: de 10:00 a 19:00 horas
  • Punto de encontro: Santa Baia (O Pereiro de Aguiar)
  • Prezo: 15 € por persoa
  • Inclúe: petisco a media mañá e xantar; taller de micoloxía (unhas 4 horas); saída ao campo (unhas 3 horas); navalla; miniguía de peto e sorteo de agasallos
  • Información e reservas: turismo.ribeirasacra.org
  • Consultas: turismo@ribeirasacra.org / 638 823 592

As prazas son limitadas, polo que se recomenda reservar con antelación.


Source link