-
A actividade, promovida desde a área de Benestar Social, ten unha duración de 20 horas e está especialmente dirixida a homes, aínda que aberta a toda a veciñanza interesada.
-
O programa combina contidos teóricos e ferramentas prácticas para facilitar a aplicación real da corresponsabilidade na vida cotiá dos fogares.
O Concello de Allariz, a través da área de Benestar Social, pon en marcha a acción formativa online “Mesmo fogar, mesmas responsabilidades”, un curso deseñado para promover referentes masculinos baseados na igualdade e na corresponsabilidade nos coidados.
Esta iniciativa nace co obxectivo de ofrecer un espazo de reflexión sobre os privilexios e as limitacións do modelo hexemónico actual. Búscase así que as persoas participantes aprendan a cuestionar os estereotipos de xénero e se impliquen de forma activa na construción dunha sociedade máis xusta e equilibrada.
Aínda que a actividade está especialmente dirixida aos homes, coa finalidade de potenciar a súa concienciación e participación directa nesta área, a convocatoria está aberta a todas aquelas persoas que desexen formarse nesta temática fundamental para a convivencia.
Metodoloxía flexible e inscrición aberta
A formación desenvolverase de maneira totalmente online e contará cunha duración total de 20 horas, permitindo que cada participante poida organizar o seu tempo de xeito flexible. O programa estruturase combinando contidos teóricos con ferramentas prácticas pensadas para facilitar a aplicación real das aprendizaxes na vida cotiá.
Todas as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición no formulario que atoparán a continuación.
Desde o Concello de Allariz anímase á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e participar nesta oportunidade para avanzar cara a un municipio máis igualitario.
Esta actividade está cofinanciada polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España.
FORMULARIO DE INSCRICIÓN:
Source link