Skip to main content

O Concello do Pereiro de Aguiar acolle o 2 de xullo, ás 21.00 horas, no Auditorio dos Gozos, a proxección da película Antes de nós, dentro da programación do Ciclo Mestre Mateo.

A obra, dirixida por Ángeles Huerta, ten unha duración de 85 minutos e está cualificada como non recomendada para menores de 7 anos. Trátase dunha película de ficción que nos achega á figura de Castelao desde unha perspectiva íntima e humana, poñendo o foco tamén na súa relación con Virxinia e nun tempo clave para a historia de Galicia.

Antes de nós foi finalista en numerosas categorías dos Premios Mestre Mateo, entre elas mellor longametraxe, dirección, guión, interpretación, fotografía, dirección de arte, montaxe, son, música orixinal, vestiario, maquillaxe e perruquería.

A película presenta dúas historias entrelazadas. Por unha banda, o ano 1918, cando Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Por outra, o ano 1929, cando o matrimonio percorre Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo. Dous momentos vitais marcados pola separación, o reencontro e a memoria.

Esta proxección forma parte da programación do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro, unha iniciativa que achega ao Auditorio dos Gozos diferentes propostas do audiovisual galego durante o mes de xullo.

Dende o Concello do Pereiro de Aguiar convidamos á veciñanza a participar nesta nova cita coa cultura galega e co cinema feito en Galicia.

Consulta tamén a programación completa das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro.


Source link

Leave a Reply