Skip to main content

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, anuncia o inicio do prazo de inscrición para a «Aula de Espera» do vindeiro curso 2026-2027. Este programa continúa sendo a ferramenta clave para que as familias alaricanas poidan equilibrar as súas obrigas profesionais e formativas co coidado da infancia.

Un servizo con historia e confianza para a infancia
Tras anos de funcionamento ininterrompido, a Aula de Espera é un recurso de referencia para o alumnado do CEIP Padre Feijoó, abranguendo desde o 4º curso de Educación Infantil ata o 6º de Educación Primaria. A experiencia acumulada garante un entorno seguro e profesional para a nenez antes do inicio das clases, nun horario de 07:30 a 09:15 horas.
Coa apertura desta nova convocatoria, o Concello pon en valor a continuidade dun servizo que a veciñanza xa sente como propio e que demostrou ser esencial para a organización do día a día en Allariz.

Detalles da inscrición e prazos
As familias poden presentar as súas solicitudes desde o 28 de abril ata o 30 de xuño de 2026. O servizo conta cun total de 60 prazas e mantén as súas modalidades de uso para adaptarse a cada necesidade:
• Persoas usuarias habituais: Aquelas que fagan uso continuado do servizo, con cotas adaptadas á capacidade económica da unidade familiar.
• Persoas usuarias non habituais: Para necesidades puntuais e xustificadas, con prezos de 3 € (sen almorzo) ou 4 € (con almorzo incluído).

Vías de tramitación e información
Para facilitar o acceso a toda a veciñanza, a inscrición pode realizarse por dous canles:
1. Telemática: Na Sede Electrónica municipal (https://allariz.sedelectronica.gal/).
2. Presencial: Nas oficinas dos Servizos Sociais Comunitarios no Fogar dos Maiores (A Barreira, 3).

Toda a información detallada, normativa e acceso aos documentos necesarios está dispoñible no seguinte enderezo: https://www.allariz.gal/admin/aula-de-espera/

A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase o 10 de xullo de 2026. 

Este programa conta co cofinanciamento da Deputación de Ourense a través do plan BenOURENSE.


Source link

Leave a Reply