• A Concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a educadora familiar, Uxía Fernández, presentaron hoxe a programación que se estenderá do 9 ao 22 de maio.
• A iniciativa pon o foco na corresponsabilidade, a seguridade dixital e o xogo libre de estereotipos.
O Concello de Allariz reforza o seu compromiso coas diversas realidades familiares do municipio co lanzamento das IV Xornadas para Familias: Con-vivencia(s). Baixo o lema «Acompañando na crianza», esta nova edición foi presentada hoxe pola Concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a educadora familiar municipal, Uxía Fernández, quen destacaron a importancia de tecer redes de apoio mutuo e construír espazos de aprendizaxe colectiva en Allariz.
O programa, que se desenvolverá entre o 9 e o 22 de maio, está deseñado para ofrecer ferramentas prácticas ás persoas que exercen labores de coidado, promovendo un Allariz máis igualitario desde a base: a infancia. Estas xornadas entenden a crianza como unha responsabilidade social compartida que require de contornas públicas seguras e diversas.
Formación e lecer sen barreiras de xénero
A programación arrincará o sábado 9 de maio co obradoiro “Contos, música e danza” para crianzas de 2 a 6 anos. Unha das citas centrais será a «Orientaventura da Corresponsabilidade» (domingo 10), unha xincana deseñada para que as familias superen retos de xeito conxunto polos puntos emblemáticos de Allariz, reflexionando sobre o reparto xusto das tarefas domésticas.
Para abordar os desafíos tecnolóxicos, o luns 11 terá lugar o obradoiro «Redes con rede», centrado na seguridade dixital e dirixido tanto a familias como a persoas profesionais da educación. Co obxectivo de facilitar a conciliación, o Concello habilitará un servizo de canguraxe gratuíto para esta sesión, previa solicitude.
Celebración da Diversidade Familiar
O venres 15 de maio, o Xardín do Fogar dos Maiores converterase no epicentro da convivencia para celebrar o Día Internacional das Familias. A xornada incluirá un pícnic comunitario (cada familia deberá traer a súa propia manta e merenda), unha sesión de «Xogos tradicionais non estereotipados» a cargo do CDR O Viso e a música de María Faltri.
As xornadas pecharanse o venres 22 cun obradoiro de instalacións de xogo para bebés de 6 a 24 meses.
Inscricións e contacto
As persoas interesadas poden inscribirse de xeito presencial no Fogar dos Maiores ou a través dos teléfonos 988 55 40 59 ou 683 61 46 91.
PROGRAMACIÓN DETALLADA E REQUISITOS
• Sábado 9 maio (11:00h): Obradoiro “Contos, música e danza” (2-6 anos). Requírese inscrición previa.
• Domingo 10 maio (11:00h): Orientaventura da Corresponsabilidade en Familia. Requírese inscrición previa.
• Luns 11 maio (18:00h): Obradoiro “Redes con rede: espazo dixital seguro”. Requírese inscrición previa (indicar se se necesita servizo de canguraxe).
• Venres 15 maio (17:00h): Festa do Día Internacional das Familias: Piquenique, xogos e música. Entrada libre (sen inscrición).
• Venres 22 maio (17:00h): Obradoiro “Instalacións de xogo” (6-24 meses). Requírese inscrición previa.
Source link