O Concello de Allariz e a Asociación Amigos da Pasarela Solidaria Allariz chaman á participación e abren o prazo de inscrición para encher o municipio de mensaxes de diversidade, respecto e sostibilidade.
O Concello de Allariz e a Asociación Amigos da Pasarela Solidaria Allariz, convocan un ano máis ao comercio, á hostalaría e á veciñanza do municipio a participar no certame de decoración co que se conmemorará e reivindicará o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, o vindeiro 28 de xuño.
Esta iniciativa, que acada xa a súa terceira edición, ten como obxectivo darlle visibilidade a diversidade e facer de Allariz un espazo aínda máis acolledor, respectuoso e comprometido cos dereitos de todas as persoas. A través da creatividade e da simboloxía do Orgullo, búscase implicar a toda a sociedade local para reflectir os valores comunitarios de convivencia, igualdade e liberdade.
Categorías abertas
O certame está aberto a todo o municipio e dividirase en tres modalidades:
• Escaparates: para locais de hostalaría e comercio.
• Interiores: para locais de hostalaría e comercio.
• Balcóns e ventás: dirixida á veciñanza en xeral.
As persoas e establecementos participantes terán total liberdade para empregar elementos decorativos e artísticos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Á hora de elixir as propostas gañadoras, valoraranse os aspectos decorativos cunha nota do 1 ao 5. O xurado —composto por profesionais das artes e do escaparatismo, xunto cunha persoa representante do Concello— puntuará especialmente a orixinalidade, a mensaxe de inclusión e, de xeito moi destacado, a utilización de materiais de refugallo, apostando pola sostibilidade.
Inscricións e funcionamento
As decoracións teñen que estar totalmente montadas o día 20 de xuño ás 12:00h e deberán permanecer expostas ata o 8 de xullo.
Para formalizar a participación, as persoas interesadas deben enviar unha fotografía da súa decoración antes das 12:00h do propio 20 de xuño ao correo electrónico: igualdade@allariz.gal.
No caso da categoría de balcóns e ventás (participación particular), a través das imaxes recibidas farase unha selección de tres propostas finalistas, que serán as que reciban a visita do xurado.
Datas clave do certame
• 20 de xuño (12:00h): Data límite para enviar a foto de inscrición e ter a decoración montada.
• 27 de xuño: O xurado pasará a valorar os escaparates, interiores e as tres vivendas particulares finalistas ao longo de todo o día.
• 28 de xuño (Día do Orgullo): Anuncio público das propostas premiadas en cada categoría.
• 8 de xullo: Entrega de premios, tras comprobar que as propostas cumpriron coas normas de participación. Cada categoría contará cun único galardón, ademais de elixir unha proposta de reserva por se houbese algún incumprimento.
Con esta convocatoria, o Concello de Allariz e a Asociación Amigos da Pasarela Solidaria Allariz reafirma o seu compromiso activo coa igualdade e contra calquera forma de discriminación, convidando a toda a cidadanía a sumarse a esta celebración colectiva.
Este certame conta co patrocinio de Fío de Liño, Teresa Quintana, Eurostars Vila de Allariz, Helen Aramburu e Dual Sistemas.
Source link