Skip to main content

A iniciativa, impulsada polo Concello e as ANPAs do municipio, arrinca cun nutrido grupo de comercios e locais hostaleiros adheridos

 

O Concello de Allariz, en colaboración coa ANPA Airiña do CEIP Padre Feijoo e a AFA Vilanova do IES Allariz, pon en marcha “Espazo Amigo da Infancia”. Esta nova iniciativa consiste nunha rede de establecementos comerciais e hostaleiros comprometidos co benestar, a seguridade e a autonomía dos nenos, nenas e adolescentes do municipio.

O proxecto nace cun obxectivo moi claro: ofrecer á infancia un punto de apoio próximo e seguro en caso de necesidade. Trátase dunha medida clave nun contexto social no que cada vez máis familias apostan por atrasar o uso do teléfono móbil entre os seus fillos e fillas.

Unha chamada de teléfono para fomentar a autonomía

Os establecementos adheridos comprométense a facilitar unha chamada telefónica ás familias de maneira puntual cando un menor o precise (por exemplo, ante calquera imprevisto nos seus desprazamentos diarios, saídas do colexio ou actividades extraescolares). Desde a organización subliñase que os locais participantes non asumirán ningunha responsabilidade legal sobre os menores, máis alá de ofrecerlles esa canle de comunicación segura.

Para que as crianzas poidan recoñecer estes lugares facilmente, todos os comercios participantes contarán cun distintivo visible na súa entrada que os identificará como espazos de confianza.

«Trátase dunha medida sinxela pero de grande valor social, que contribúe a crear entornos máis seguros ao tempo que promove uma comunidade máis coidadora, próxima e comprometida coas familias», destacan desde o Concello e as asociacións de nais e pais.

Primeiros colaboradores implicados na rede

A iniciativa de Allariz inspírase noutras experiencias desenvolvidas con éxito en diferentes municipios do Estado, demostrando que a colaboración comunitaria é unha ferramenta útil para o día a día das familias. No seu lanzamento, o proxecto conta xa co apoio e a implicación de diversos sectores do tecido local.

Os establecementos adheridos ao programa “Espazo Amigo da Infancia” son Bazar Adolfo, Fio de Liño, English Allariz, Mercería Anduriña, O Tocador de Anabel, Maruxairas, Quercus Parafarmacia, Farmacia Páez, a Óptica Alaricana, Clínica Veterinaria da Costa, O Xardín, A Tulla, A Mariñeta, Portovello, As Curuxas, Pocholiños Park, Aira das Letras, Anxiños, Reatur, Bencomún, Arume by Trapiños e Portelo Rural.

Con todo, o Concello de Allariz quere convidar ao resto do comercio e hostalaría a seguir sumándose a este proxecto. As persoas e negocios interesados en participar poden confirmar a súa adhesión ou solicitar máis información a través do correo electrónico educacion@allariz.gal. En definitiva, unha pequena acción colectiva para facer de Allariz un lugar aínda máis amable, seguro e acolledor para a infancia.


Source link

Leave a Reply