Skip to main content

O Concello informa de que xa está en marcha a cuarta edición da proba ciclista BTT Allariz, un evento deportivo que terá lugar o domingo 4 de outubro. A presentación oficial desta nova edición contou coa asistencia de representantes dos clubs Asocial e CC Allariz, xunto co coordinador deportivo municipal, Roberto Naranjo, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga.

A xornada busca fomentar o deporte e o contacto coa contorna natural de Allariz, ofrecendo alternativas adaptadas ás diferentes condicións físicas das persoas participantes. A proba contará con dous trazados distintos para a bicicleta de montaña: unha ruta longa de 45 quilómetros e unha ruta curta de 25 quilómetros. A saída de ambas as distancias realizarase de xeito conxunto ás 9:30 horas desde a Alameda, a carón do Boi de Pedra.

Todas as persoas que desexen tomar parte nesta xornada deportiva poden formalizar xa a súa inscrición a través da seguinte ligazón: https://sportmaniacs.com/es/services/inscription/iv-btt-de-allariz ou mediante a aplicación Saudeter. A organización porá á disposición da xente participante servizo de avituallamento durante o percorrido e entregará agasallos.

Recollida de dorsais

Para facilitar a loxística do evento, habilitáronse dúas quendas para a entrega de dorsais:

  • O sábado, 3 de outubro: na Piscina Municipal (Complexo Vilanova), en horario de 9:00 a 13:00 horas.

  • O propio domingo, 4 de outubro: na zona de saída (Alameda), desde as 8:00 ata as 9:00 horas.

Para retirar o dorsal será imprescindible presentar o DNI (ou unha fotocopia do mesmo), un documento acreditativo de identidade ou o xustificante de inscrición. Lémbrase tamén que non se contemplan devolucións unha vez confirmada a praza.

Esta cita deportiva, organizada polo Concello xunto cos clubs Asocial e CC Allariz, conta coa colaboración da Deputación de Ourense, Deporte Galego, Apersa e Atmósfera Sport Allariz, ademais do apoio indispensable da agrupación de Protección Civil.


Source link

Leave a Reply