O Concello licita a primeira fase da nova senda peonil de A Derrasa
O Concello de O Pereiro de Aguiar, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, vén de sacar a licitación a primeira fase das obras de reordenación de aparcadoiros, ampliación de beirarrúas e execución dunha nova senda peonil en A Derrasa, no treito da estrada autonómica OU-536.
A actuación busca mellorar a mobilidade peonil, a accesibilidade e a seguridade viaria nun tramo moi transitado, tanto por veciñanza como por quen se achega ata o encoro de Cachamuíña.
Unha senda de 370 metros entre os PK 8+410 e 8+780
Os traballos desta primeira fase, cun prazo de execución de tres meses, transcorrerán pola marxe esquerda da OU-536, entre os puntos quilométricos 8+410 e 8+780. Alí nacerá unha nova senda peonil que dará continuidade ás beirarrúas xa existentes, completando a comunicación peonil por esta marxe desde o entorno do encoro de Cachamuíña ata o núcleo de Santa Baia.
O proxecto conta cun investimento de 384.181,92 euros, IVE incluído. Esta primeira fase forma parte dun convenio máis amplo asinado entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de O Pereiro de Aguiar, cun orzamento total de 919.634,89 euros, dos que Turismo de Galicia achegará como máximo 671.200 euros.
Unha senda accesible e máis segura
A actuación principal desta fase será a construción dunha senda de formigón, cun acabado de cor terriza similar ao doutras sendas executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas na contorna.
Ademais, crearase un novo paso de peóns no PK 8+420, que mellorará a permeabilidade transversal da travesía e axudará a pacificar o tráfico. Tamén se reforzará a sinalización deste novo paso e do xa existente no PK 8+765, con sinais dinámicos luminosos.
A mellora da seguridade compleméntase con elementos de protección nas zonas con desniveis e cun muro de contención de pedra granítica de 323 metros, cunha altura máxima vista de 1,50 metros. Situarase no límite do dominio público da estrada, o que permitirá gañar espazo para a nova senda sen afectar ás parcelas veciñas.
Renovación dos servizos urbanos
Aproveitando a execución da senda, o proxecto tamén renovará varios servizos urbanos. Está prevista a prolongación das redes de saneamento e abastecemento, xunto con novas solucións para a recollida de augas pluviais.
En concreto, executaranse 361 metros de colector de fecais, con novos pozos de rexistro e conexión coa rede existente, ademais da prolongación da rede de abastecemento baixo a nova senda. O proxecto inclúe tamén o soterramento da liña telefónica aérea e 50 metros de canalización eléctrica de UFD, un primeiro paso cara ao soterramento total da liña eléctrica na travesía.
Cara a unha travesía completa: segunda fase en 2027
Esta primeira fase, agora en licitación, é o primeiro paso dunha actuación integral pensada para toda a travesía. O Concello xa prevé unha segunda fase, para 2027, coa que se completará a reordenación do tramo.
No seu conxunto, o proxecto busca mellorar a imaxe urbana e turística da travesía, con materiais similares aos empregados noutras actuacións recentes da Xunta de Galicia, e reforzar o papel de O Pereiro de Aguiar como porta de acceso á Ribeira Sacra.
Source link