O Concello do Pereiro de Aguiar acolle o 7 de xullo, ás 21.00 horas, no Auditorio dos Gozos, a proxección do documental O silencio herdado, dentro da programación do Ciclo Mestre Mateo.
A obra ten unha duración de 82 minutos e está cualificada como apta para todos os públicos. Trátase dun documental que aborda a memoria, os silencios familiares e a procura de respostas entre distintas xeracións.
O silencio herdado foi finalista na categoría de documental nos Premios Mestre Mateo, destacando como unha proposta íntima e reflexiva arredor da palabra, da imaxe e da dificultade de romper certos silencios.
A película achega ao público a historia de Lucía, unha moza de 27 anos que se aproxima á súa avoa Edilia, de 86, na procura de respostas. Porén, atópase cun silencio profundo, doloroso e difícil de atravesar. Ao comprender que quizais nunca recibirá as respostas que busca, Lucía decide mirar ese silencio, escoitalo con paciencia e tratar de entendelo. Xuntas, avoa e neta exploran os límites da palabra e da imaxe, facendo dese silencio un espazo de encontro.
Esta proxección forma parte da programación do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro, unha iniciativa que achega ao municipio diferentes propostas do audiovisual galego durante o mes de xullo.
Dende o Concello do Pereiro de Aguiar convidamos á veciñanza a asistir a esta nova cita co cinema galego e coa memoria compartida.
Consulta tamén a programación completa das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro.
Source link