-
A iniciativa, impulsada por «Comercio e Hostalaría de Allariz» coa colaboración do Concello de Allariz, sorteará seis lotes de premios formados por produtos, servizos e descontos do tecido local.
-
Para participar, as persoas interesadas deberán acumular 30 € en tickets de compra procedentes de catro establecementos diferentes do municipio.
Allariz acolle esta tempada do Samaín a iniciativa «O Cofre das Ánimas de Allariz», unha campaña colectiva posta en marcha polos negocios locais baixo a denominación de «Comercio e Hostalaría de Allariz» co obxectivo de fomentar as compras e as consumicións no tecido comercial e hostaleiro da localidade. A proposta conta coa colaboración do Concello de Allariz.
A campaña une un total de 37 establecementos colaboradores que achegan produtos, experiencias, servizos e descontos para configurar seis grandes lotes de premios, aos que se suman obsequios adicionais e experiencias para descubrir a oferta local.
Como participar na campaña?
A participación está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos. A mecánica para optar aos premios, activa do 30 de outubro ao 5 de novembro de 2026, consiste en:
-
Acumular compras ou consumicións: Os participantes deberán reunir tíckets ou xustificantes de compras ordinarias por un importe acumulado de 30 € ou máis.
Diversidade de establecementos: Estes tíckets deberán proceder de polo menos catro establecementos diferentes adheridos á campaña, sen que exista un importe mínimo individual por comercio. Non se poden reutilizar os mesmos tíckets.
Papeleta oficial: Unha vez reunidos os xustificantes, deberase cubrir a papeleta oficial cos datos de contacto e presentar os tiquets para a súa comprobación nas urnas habilitadas.
As papeletas cubertas poderán depositarse ata o 5 de novembro de 2026, ás 20:00 h, en calquera das cinco urnas dispoñibles nos puntos de recollida oficiais: Querqus Parafarmacia, Fío de Liño, Pocholiñ@s Park, Vagalume e Bambi Moda Infantil.
Sorteo e premios
O sorteo público celebrarase o venres 6 de novembro de 2026, ás 14:00 h, nas instalacións de Pocholiñ@s Park (rúa Piñeiro, número 9, local D, Allariz). Extraaranse un total de seis papeletas gañadoras (unha por cada lote temático), garantindo que cada persoa poida recibir como máximo un premio.
Os seis lotes dispoñibles abarcan unha gran variedade de sectores locais, divididos nas seguintes temáticas:
-
Lote 1: Moda, cultura e fotografía.
-
Lote 2: Artesanía, libros e experiencias.
-
Lote 3: Familia, lecer e compras.
-
Lote 4: Compras, coidados e pequenos agasallos.
-
Lote 5: Gastronomía e fogar.
-
Lote 6: Beleza, moda e produtos locais.
Os vales e premios obtidos poderán utilizarse ata o 5 de xaneiro de 2027 (incluído), dispoñendo dun prazo de 60 días naturais desde a data do sorteo. Con esta iniciativa, o sector comercial e hostaleiro de Allariz busca premiar a fidelidade da veciñanza e animar a cidadanía a desfrutar e consumir no centro histórico e en todo Allariz durante a festividade do Samaín.
Source link