Skip to main content

  • A iniciativa conta cun investimento de 454.000 euros e permitirá a contratación e formación de 20 persoas durante nove meses
  • O alumnado formarase nas especialidades de pavimentación e albanelería de urbanización e de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, realizando actuacións de mellora de espazos públicos nos tres concellos

Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Vilas, Paderne de Allariz, 3 de setembro de 2026.-

O Concello do Pereiro de Aguiar, xunto cos concellos de San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, pon en marcha o Obradoiro de Emprego Ourense Metropolitano II, unha nova iniciativa conxunta destinada a favorecer a formación e a empregabilidade ao tempo que se acometen actuacións de mellora e acondicionamento dos espazos públicos dos tres municipios.

O obradoiro, concedido á agrupación formada polos tres concellos, conta cun investimento de 454.000 euros e permitirá a contratación e formación de 20 alumnos e alumnas durante un período de nove meses, distribuídos entre as dúas especialidades previstas. O programa contará ademais co correspondente persoal de dirección e apoio.

A primeira das especialidades estará centrada en pavimentación e albanelería de urbanización. A formación práctica permitirá acometer nos tres concellos diferentes traballos de acondicionamento de espazos urbanos, entre eles a adecuación de marquesiñas, pequenas intervencións en lavadoiros, a mellora de illas de contedores e outras actuacións necesarias para o embelecemento dos núcleos e para mellorar a prestación dos servizos municipais.

O segundo módulo estará dedicado á instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Neste ámbito realizaranse labores de limpeza e mantemento, ademais de actuacións destinadas a ampliar, acondicionar e mellorar diferentes espazos verdes e zonas públicas dos tres municipios.

A agrupación formada polo Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz abrangue unha poboación que supera os 14.000 habitantes, polo que o programa permitirá que os resultados da formación práctica repercutan nun amplo territorio da contorna metropolitana de Ourense.

Estes municipios salientan o dobre beneficio deste tipo de programas, ao combinar formación e experiencia laboral cunha actuación directa sobre os servizos e espazos públicos. Con estas accións de formación favorecerase a empregabilidade da veciñanza ofrecendo novas ferramentas e experiencia para a incorporación ao mercado laboral, ao tempo que se mellorarán os espazos públicos, as zonas verdes e diferentes infraestruturas municipais.

O Obradoiro de Emprego Ourense Metropolitano II dá así continuidade á cooperación entre os tres concellos para impulsar iniciativas conxuntas que permitan aproveitar recursos, ofrecer novas oportunidades laborais e desenvolver actuacións útiles para a cidadanía.


Source link

Leave a Reply