Skip to main content

O Concello do Pereiro de Aguiar acolle o 10 de xullo, ás 21.00 horas, no Auditorio dos Gozos, a proxección da película San Simón, coa que remata a programación do Ciclo Mestre Mateo no municipio.

A obra, de ficción, ten unha duración de 107 minutos e está cualificada como non recomendada para menores de 7 anos. Trátase dunha película que aborda un episodio duro da memoria histórica, poñendo o foco na illa de San Simón e no seu papel durante os primeiros anos da represión franquista.

San Simón foi finalista en diferentes categorías dos Premios Mestre Mateo, entre elas longametraxe, dirección de arte, dirección de produción, interpretación masculina protagonista, interpretación masculina de reparto, son, vestiario e maquillaxe e perruquería.

A película sitúase en outubro de 1936, cando o franquismo comeza a abrir campos de concentración por todo o territorio. Conventos, fábricas, escolas, prazas de touros ou mosteiros convértense en espazos de reclusión. Entre eles destaca San Simón, pola súa condición insular. O antigo lazareto pasa a ser un lugar de morte e represión, rodeado dunha beleza abafadora.

Anos despois, Lamas lembra a memoria da illa cando as autoridades decretan o peche do campo, recuperando unha historia marcada polo sufrimento, o silencio e a necesidade de lembrar.

Con esta proxección péchase o Ciclo Mestre Mateo no Pereiro, unha iniciativa que achegou ao Auditorio dos Gozos diferentes propostas do audiovisual galego durante o mes de xullo.

Dende o Concello do Pereiro de Aguiar convidamos á veciñanza a asistir a esta última cita co cinema galego e a participar no peche desta programación cultural.

Consulta tamén a programación completa das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo no Pereiro.


Source link

Leave a Reply