Skip to main content

O Concello de Allariz, en representación da veciñanza e recollendo tamén a preocupación trasladada polas asociacións veciñais, quere expresar publicamente a súa inquietude pola situación do subministro eléctrico que están a sufrir distintos núcleos do municipio nas últimas semanas.

Os continuos cortes e microcortes de luz que afectan a zonas como Folgoso, O Mato, Roiriz, Outeiro Orraca, San Breixo, Vilar de Flores, Coira, Xugueiros, Seixo e zona Camping, Gundiás, Silvela, Turzás, Rubiás, A Cal, A Barraca, Queiroas, e outros núcleos conectados ás mesmas liñas de distribución, están a provocar importantes molestias na vida diaria da poboación. Esta situación xera dificultades no funcionamento normal das vivendas e tamén incidencias en electrodomésticos e sistemas electrónicos domésticos.

Dende o Concello consideramos necesario que se adopten medidas que permitan garantir un servizo estable e de calidade para toda a cidadanía, onde estas incidencias teñen un impacto directo no benestar das familias e na actividade cotiá.

Entendemos que poden existir diferentes causas técnicas detrás destas avarías. Neste sentido, se tal e como se nos está trasladando dende a distribuidora Unión Fenosa parte do problema está relacionado coa presenza de niños de cegoña nas infraestruturas eléctricas, esiximos que se actúe coa maior rapidez posible para buscar unha solución adecuada e compatible tanto coa protección da fauna —competencia da Consellería de Medio Ambiente (Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e a Lei 5/2019 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia)— como coa garantía dun subministro eléctrico seguro e estable para todas as persoas residentes.

O Concello de Allariz continuará trasladando esta situación aos organismos e entidades competentes, co obxectivo de que se adopten as actuacións necesarias e se ofreza unha resposta eficaz ás persoas afectadas.

Allariz merece un servizo eléctrico fiable e acorde ás necesidades da súa veciñanza.


Source link

Leave a Reply