A alcaldesa, Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica, María López, e o arquitecto técnico municipal Alex Fernández visitaron esta mañá o recinto para ultimar os detalles da XVI edición, que se inaugurará ás 19:00h do día 16 con actuacións sorpresa.
Na mañá de hoxe, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica, María López e o arquitecto técnico municipal Alex Fernández visitaron as instalacións do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) para supervisar os traballos finais de cara á súa apertura. O vindeiro sábado 16 de maio ás 19:00h, o recinto inaugurará a súa XVI edición. Unha cita á que, como é costume, están convidados e convidadas todas as persoas que queiran compartir o inicio desta nova tempada.
O acto inaugural contará coas habituais actuacións sorpresa ao longo do percorrido, unha proposta que busca que o público asistente experimente a «liberdade» , lema deste ano, a través da música, o movemento e a propia natureza dos xardíns.
Unha escolma de talento global e proximidade
Nesta XVI edición, o FIXA presenta un equilibrio perfecto entre proxectos que chegan de diversos puntos do planeta e propostas de gran calidade nacidas na nosa contorna. Todas elas conviven para interpretar os «Xardíns da Liberdade»:
• Deseños Internacionais: A creatividade viaxa desde Portugal con «Ék-tasis», Austria con «TIME OUT», Italia con «Hortus Captivus» e Sudáfrica e os Países Baixos co seu «Garden of floral disobedience». A estes súmanse as interesantes colaboracións de Colombia e Chile («Libre albedrío») e México con Barcelona («Umbrales y refugio de libertad»).
• Deseños do Estado e Locais: A calidade do paisaxismo máis próximo está representada por «Xardín Crisálida» (A Coruña), «Liberar poñendo límites» (Madrid) e «Bam-Boom» (Murcia). Ademais, o IES de Allariz asume o protagonismo educativo no «Xardín 8», amosando o talento da nosa mocidade.
Éxitos consolidados e participación
O recinto complétase cos dous deseños que conquistaron ao xurado e ao público o ano anterior e que permanecen en pé: «Rocallas» (gañador do voto técnico da Asociación Española de Paisaxismo) e «Se chove que chova» (vencedor do voto popular).
A partir do 16 de maio e ata finais de outubro, as persoas que visiten o recinto poderán exercer de xurado e votar polo seu xardín favorito. O proxecto que acade o maior apoio da poboación gañará o dereito a permanecer no festival durante a edición de 2027.
O Festival Internacional de Xardíns convida a toda a veciñanza e as persoas visitantes a descubrir este espazo de convivencia, arte e natureza á beira do río Arnoia, onde a liberdade florece en cada recuncho.
Source link