- O goberno local reafirma o seu apoio a esta iniciativa cidadá que terá lugar o venres 15 de maio no Hotel Eurostars Vila de Allariz.
- O evento, organizado en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, implica ao comercio local e ao voluntariado de Allariz.
O Concello de Allariz súmase, un ano máis, á celebración da Pasarela Solidaria, que este maio acada a súa terceira edición. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a concelleira María López, acompañaron esta mañá ao presidente da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, á organizadora da iniciativa, Teresa Quintana e a persoas colaboradoras na presentación oficial deste evento que une moda e compromiso social.
Dende o Concello destacouse o orgullo que supón para Allariz contar con propostas que nacen do tecido asociativo e comercial. Esta pasarela é o resultado do esforzo de establecementos locais, profesionais do sector e veciñanza que, de xeito voluntario, traballan para recadar fondos destinados integramente á loita contra o cancro.
Alianza institucional e social
A alcaldesa de Allariz destacou na presentación da pasarela solidaria contra o cancro o valor da unión entre emprendemento local, investigación e compromiso social. Subliñou que iniciativas como esta amosan a capacidade da comunidade para implicarse en causas fundamentais, apoiando a visibilización da enfermidade. Ademais, puxo en valor a solidariedade da veciñanza e o papel clave dos e das emprendedoras locais na dinamización social e económica, agradecendo o seu esforzo e implicación.
Na pasada edición, a xenerosidade de Allariz permitiu superar os 3.400 euros de recadación, unha cifra que se espera igualar ou superar nesta ocasión para seguir financiando os programas de apoio a pacientes e familias que a AECC desenvolve na provincia.
Rifas xa á venda
O Concello quere facer un chamamento á participación cidadá, lembrando que xa se poden adquirir as rifas solidarias en diversos puntos de venda da localidade. A cita principal será o vindeiro venres 15 de maio ás 19:00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz, onde a moda local volverá ser a mellor ferramenta de impacto social.
Source link