O balance realizarase en termos de volume (m3) sobre un período de tempo definido, polo xeral, un ano.
A continuación, defínense os restantes conceptos dos que consta o balance hídrico a realizar para dar resposta á auditoría dos sistemas de abastecemento:
Volume de auga captada: descríbese como o volume de auga extraído ou captado do medio (ríos, mananciais, encoros, etc) co fin de abastecer a unha determinada poboación.
Consumo autorizado: é o volume de auga utilizada por calquera usuario, público ou particular, polo subministrador, ou outros, dun xeito autorizado. Inclúe, por exemplo, a auga utilizada contra incendios, a usada en tarefas de mantemento do sistema, a de baldeo de rúas, limpeza de rede de sumidoiros, rega de xardíns municipais e nas fontes públicas ou incluso a auga exportada a outros concellos ou sistemas de abastecemento, tratada ou sen tratar. A súa avaliación pode ser medida con rexistradores (contadores ou caudalímetros), estimada ou calculada.
Consumo autorizado rexistrado: é a parte do consumo autorizado medido con rexistradores ou calculado matematicamente a partir dos seus valores, pero que nunca será estimado; é dicir, os cálculos serán realizados segundo procedementos e prácticas que outorguen total e absoluta fiabilidade aos datos así obtidos.
Consumo autorizado non rexistrado: é a parte do consumo autorizado non medido. Aos efectos da realización da auditoría, e mentres estes volumes non estean rexistrados, estes volumes estimaranse mediante procedementos e prácticas que outorguen a máxima fiabilidade posible.
Perdas: é o volume de auga que, incorporado a unha rede de abastecemento coa finalidade de ser subministrado ás persoas usuarias finais, nin chega a ser consumida por estes usuarios finais nin pola propia entidade subministradora, senón que se perde ao longo da rede de abastecemento, tanto na súa captación como no seu tratamento, no seu almacenamento, na súa distribución ou no seu subministro. Aos efectos da realización da auditoría calcularase como a diferenza entre o volume de auga captada (volume de entrada ao sistema) e o consumo autorizado, rexistrado ou non rexistrado. As perdas están formadas por unha banda polas perdas reais (perdas físicas de auga), e por outro polas perdas aparentes (imprecisións de medida e fraudes).
Perdas aparentes: son as perdas anuais de auga causadas pola fraude (consumo non autorizado) e pola imprecisión asociada ás medicións (subcontaxe), tanto do volume de entrada ao sistema como dos consumos autorizados. Considerarase que a porcentaxe de consumo non autorizado está en valores medios sempre que non se supere o 2% da auga subministrada. Con respecto ás subcontaxes, no caso dos contadores xerais considéranse valores na media as diferencias en +/- 3% con respecto ao volume de auga subministrada. No caso dos contadores domiciliarios, a porcentaxe de subcontaxe estará relacionada coa antigüidade do parque de contadores, podendo considerarse como valores medios unha cantidade que varíe dun xeito lineal, desde o 2% para parques cunha idade media de 0-5 anos ata o 8% para parques con máis de 10 anos. Calquera consideración relativa ás perdas aparentes supoñendo no balance hídrico porcentaxes superiores aos valores medios indicados deberá ser xustificada.
Perdas reais: son as fugas propiamente ditas desde o punto de captación, tanto en conducións, acometidas, depósitos, mesmo en calquera instalación, pública ou privada, se estas se producen antes da súa medición por contador de facturación ao cliente. Así mesmo contabilizaranse como perdas reais os reboses que poidan existir en calquera punto situado augas abaixo da captación.
Mediante o cálculo dos conceptos anteriormente definidos, completarase o esquema do balance hídrico e obteranse dúos indicadores que definirán a eficiencia da nosa rede: a auga non rexistrada e o rendemento hidráulico da nosa rede de abastecemento.
Na seguinte táboa amosase o rendemento da rede no ano 2024:
Source link